O vindeiro martes a Comisión de Urbanismo do Grove retomará as reunións para abordar o Plan Xeral. Despois do periodo de exposición pública coa recollida de 1.500 alegacións, o equipo redactor aínda non deu a coñecer a súa valoración. Por este motivo, a Plataforma Meca de Afectados polo PXOM reclama unha segunda exposición pública, unha petición que secunda o BNG.
A Plataforma Meca de Afectados polo PXOM e o Grupo Municipal do BNG do Grove reclamarán ó Concello unha segunda exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Actualmente os técnicos redactores do planeamento están a estudar as alegacións presentadas por veciños e colectivos antes do verán, ata un total de 1.500.
A plataforma e o BNG queren que o goberno municipal volva a expoñer o PXOM para saber cómo queda exactamente e qué reclamacións se atenderon. Despois dun mes sen abordar o asunto, este vindeiro martes reunirase a Comisión de Urbanismo. O portavoz do BNG, Carlos Álvarez Besada, teme que o goberno local esté retrasando este debate ata decembro para apurar a súa aprobación definitiva.
Nacionalistas e Plataforma consideran que hai cuestións que se deben aclarar como pode ser a situación na que quedan finalmente os solos urbanizables previstos no PXOM. O voceiro do colectivo de afectados lamenta a falta de información e lembra que desde maio teñen solicitada unha reunión co equipo redactor e que aínda non recibiron resposta.
Redacción Salnés