‘Saúde e cante o merlo’, a panxoliña viral da rapazada do cole de Meaño

MEAÑO> Nenos, mestres, pais e nais… e ata a Banda de Meaño participan na panxoliña do colexio das Covas da localidade. En total, 300 persoas formaron parte dun proxecto musical e audiovisual co que o centro felicita o Nadal. O videoclip xa acadou unha gran repercusión nas redes e ata se fixo cun premio.

O que naceu como unha tarxeta sonora para felicita-lo Nadal acabou converténdose nunha panxoliña viral.

Chámase “Saúde e cante o merlo” e é froito dun traballo colaborativo entre o alumnado do CEIP As Covas, os seus pais e nais, o seu profesorado e a Banda de Música de Meaño. A gravación acadou unha gran repercusión nas redes sociais e tamén nos medios. Os que participaron na rodaxe agora ata se senten famosos.

Os protagonistas da panxoliña lembran os ensasios previos. Din que foron días de nervios pero sobre todo de moita concentración.

E unha vez gravado tocou face-lo videoclip, no que tanto rapaces como mestres tiveron que demostra-las súas habilidades diante da cámara.

O proxecto logrou implicar a máis de 300 persoas, incluída a Banda Unión Musical de Meaño.

A panxoliña foi composta polo propio director do centro, que tamén é mestre de música. Quixo lembrarse de todos aqueles galegos que por mor da emigración non poderán pasa-lo Nadal na terra.

A panxoliña, ademais, acaba de facerse co premio do concurso “Este Nadal canta con nós”, organizado pola CRTVG.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí