A Asociación de veciños “A Unión” de Cabo de Cruz vén de presentar unha serie de alegacións ó Plan especial de mellora do litoral entre Punta Esteiro e O Careixo elaborado polo concello de Boiro. A proposta da entidade veciñal inclúe a rexeneración total da enseada así como a reparación da rede de saneamento co fin de erradicar os vertidos rexistrados na zona.
A construción dun paseo marítimo entra Punta Esteiro e O Careixo, contemplada no plano de mellora elaborado polo concello de Boiro é considerada insuficiente pola asociación de veciños “A Unión” de Cabo de Cruz polo que vén de solicitar a modificación do proxecto.
Os membros do colectivo consideran necesario proceder á rexeneración da enseada xa que, actualmente, a zona de area está parcialmente cuberta polo lixo.
A asociación de veciños tamén considera insuficiente a construción dun emisario para eliminar os vertidos polo que propón a reparación da rede de saneamento e proceder ó separativo de augas pluviais e fecais.
Outras das alegacións presentadas refírense á creación de accesos peonís ás praias e a ampliación do paseo tanto polo lado do Careixo como cara ó Corviño. Neste punto, proponse unha modificación do trazado debido á falla de espazo para o paso de vehículos polo que se contempla a construción do paseo bordeando a vivenda existente sobre unha pasarela ou unha ponte.
Redacción Barbanza