Caldas pón en marcha a quinta edición de Patrullas Verdes

    Un total de quince mozos de entre doce e dezaoito anos poderán participar este ano no curso de formación ambiental de Patrullas Verdes. O Concello de Caldas presentou esta mañá a programación da que é xa a quinta edición desta iniciativa, que se desenvolverá os sábados ata o 27 de maio do vindeiro ano.

    As Patrullas Verdes de Caldas chegan este ano á súa quinta edición. O departamento municipal de Medioambiente ofrece este ano quince prazas para persoas de entre doce e dezaoito anos interesados na defensa da natureza e no coidado do entorno. As clases inícianse este sábado e desenvolveranse ata o 27 de maio no Colexio Alfonso VII de Caldas.

    O programa consta de vintecinco temas que tratan, entre outros aspectos, a problemática ambiental do concello, a contaminación atmosférica e sonora, a depuración de augas ou o coidado de áreas recreativas. Nas prácticas de campo realizaranse visitas a parques naturais, empresas, depuradoras, plantas de tratamento de residuos, ou parques eólicos. O obxectivo é que as patrullas verdes colaboren na mellora da situación ambiental de Caldas e comarca.

    Redacción Salnés