Os escolares de Vilagarcía xa poden presentar os seus traballos ó certamen Contos Solidarios, promovido pola Concellería de Xuventude e Unicef. A iniciativa enmárcase no programa de actividades organizado con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno, que se celebra o 20 do mes que vén.
O vindeiro 20 de novembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos do Neno. Aproveitando esta data, o Concello de Vilagarcía convocou unha nova edición do concurso Contos solidarios, en favor de Unicef. Poderán participar rapaces de entre 6 e 11 anos e de entre 12 e 16 con traballos que non excederán os cinco folios. O prazo de presentación dos contos rematará o 15 de novembro á unha e media da tarde.
Con esta iniciativa trátase de crear conciencia entre os máis novos e a sociedade en xeral sobre os problemas que afectan a moitos nenos do planeta. Os mellores contos editaranse nun libro que será doado a Unicef e os seus autores recibirán premios consistentes en lotes de libros e diplomas. Entregaranse o 20 de novembro, coincidindo co Día do Neno.
Nesta xornada organizaranse talleres lúdicos e Unicef presentará as curtametraxes “El mundo a cada rato”. O programa inclúe unha charla sobre violencia nas aulas que se celebrará nun centro escolar aínda por determinar o día 16.
Redacción Salnés