![]()
CAMBADOS > Arredor de 6.000 quilos de zamburiña se colleron en Cambados e Rianxo no primeiro día de campaña.
Un total de 70 embarcacións, 40 de Rianxo e 30 de Cambados, comezaron hoxe a campaña de extracción da zamburiña. Tras máis de 7 meses de paro, os mariñeiros chegaban hoxe ó porto de Tragove bastante satisfeitos.
O primeiro en atracar era Ramón Portas. Viña da zona do ‘canal’ e anque non traía moita zamburiña, era de gran tamaño polo que esperaba unha boa cotización, arredor de 7 euros, que foi o que acadou o ano pasado. Esta vez non chegou a tanto e o máximo que se pagou en Cambados foron 5,85 euros. O máis baixo 2,30.
En total subhastáronse aquí 2.070 quilos de zamburiña, mentres que en Rianxo a cantidade foi algo superior, pasou dos 3.000 quilos, pero os prezos foron máis baixos. Cada tripulación podía coller 50 quilos e anque non todos fixeron o cupo, foron moitos os que sí o conseguiron e todos coincidían en que parece que hai bastante zamburiña e de boa calidade. De tódolos xeitos haberá que esperar ós vindeiros días pra ver como avanza a campaña.
Redacción Salnés






