82 mozos e mozas de 6 países diferentes coñeceron o Salnés grazas á iniciativa Arousa Inspira

VILANOVA> A iniciativa Arousa Inspira da Asociación Arousa Moza permitiu dar a coñecer a comarca do Salnés a 82 mozos e mozas de diferentes puntos de España e doutros 5 países. Os visitantes ademais de coñecer a zona participaron en dous talleres, un dedicado a aumentar as posibilidades de inserción laboral e outro a promover a participación da mocidade nas votacións. O proxecto foi posible grazas ás axudas do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia.

A asociación Arousa Moza foi unha das organización beneficiadas coas axudas do programa da Xunta de Galicia Iniciativa Xove. Co apoio da administración autonómica, a asociación puxo en marcha Arousa Inspira. Unha iniciativa coa que deron a coñecer a comarca do Salnés a 82 mozos de diferentes partes de Galicia e España e doutros 5 países.

A asociación ten a súa sede agora mesmo en Vilanova de Arousa, aínda que a maioría de actividades se realizan en Vilagarcía. Dende o concello vilanovés destacaron as actividades integradoras que realiza a asociación e os invitaron a permanecer e realizar máis iniciativas en Vilanova.

Dende a xunta valoraron moi positivamente a iniciativa levada a cabo por Arousa Moza destacando que son un exemplo á hora de realizar iniciativas que dinamizan á xente moza.

Aproveitando a visita, a Xunta promocionou a nova liña de axudas que sairán este ano dentro do proxecto Iniciativa Xove, cuxa inscrición remata o vindeiro 13 de xuño. Dende Arousa Moza adiantaron que se volverán a presentar cunha nova iniciativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí