Fernández Moreda presenta en Ribeira o Plan Estratéxico da provincia

    O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, co fin de presenta-lo plan estratéxico, unha iniciativa que pretende poñer en marcha o organismo provincial para analiza-las eivas e as potencalidades existentes nas comarcas da provincia da Coruña e artellar liñas de actuación de cara o futuro

    Alcaldes, concelleiros e representantes da vida social, económica e cultural das comarcas do Barbanza, Sar, Muros e Noia, déronse cita esta mañá no conservatorio municipal de Ribeira para asistir ó acto de presentación dos obxectivos do plan estratéxico que promove a Deputación Provincial da Coruña, co apoio da Fundación Caixa Galicia e as universidades de Santiago e Coruña.

    Durante a súa intervención o presidente do organismo provincial, Salvador Fernández Moreda, destacou a importancia desta iniciativa pioneira, que nace co obxectivo de acadar as maiores cotas de desenvolvemento económico, social e tecnolóxico da provincia. Así, aludiu tamén ó feito de que o Plan estratéxico pretende se-lo froito dun proceso de reflexión e participación colectiva.

    Fernández Moreda fixo referencia tamén á necesidade de planificar de xeito detallado as necesidades de cada un dos municipios da provincia, co fin de diagnosticar e resolve-los problemas existentes na actualidade e os que poidan presentarse nun futuro.

    No acto de presentación tamén estiveron presentes Alberto Meixide, director do plan, e Andrés Cuns, en representación da Fundación Caixa Galicia. Ambos incidiron en que o proxecto terá o seu horizonte temporal no ano 2013, ano no que finalizará a aportación dos fondos europeos.

    Actualmente o plan atópase na primeira fase, na análise e diagnóstico por zonas, unha acción que ten previsto rematar no mes de decembro. Unha vez realizado este trámite pasaríase á formulación de estratéxias e a fixación de accións e proxectos. A fase tres sería a implementación das liñas de actuación e as estratéxias e a última fase correspondería coa definición dos programas de actuación.

    Redacción Barbanza