O IES Leliadoura fomenta o hábito da lectura a través de “Ler e Vivir”

    O proxecto da biblioteca do IES Leliadoura acaba de ser seleccionado pola Consellería de Educación para participar no plano de mellora das bibliotecas escolares. Mediante este programa, o centro recibirá unha subvención de 7.200 euros para desenvolver diversas actividades encamiñadas a fomentar a lectura e facer da biblioteca un espazo multimedia e en constante actividade.

    “Ler e Vivir” é o título do proxecto da biblioteca do IES Leliadoura de Ribeira que se vai desenvolver durante os dous vindeiros cursos. A iniciativa conta cunha subvención de 7.200 euros financiados polo Plano de Mellora das Bibliotecas escolares da Consellería de Educación. Este plano pretende fomentar os hábitos de lectura e dinamizar as bibliotecas dos centros escolares mediante a selección dos proxectos máis interesantes presentados a concurso.

    Este ano o éxito de participación na iniciativa foi moi notable coa presentación de propostas por parte de centros de toda Galicia. Finalmente, o Leliadoura resultou elixido entre os corenta institutos seleccionados.

    “Ler e Vivir” inclúe diversas seccións relacionadas coa Ciencia, o Medio Ambiente, a Saúde ou a Arte. Ademais da adquisición de novos fondos o proxecto pretende a creación de novos espazos e a ampliación do tradicional concepto de biblioteca incorporando as novas tecnoloxías ó entorno de lectura.

    O IES Leliadoura elixiu a data de onte, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, para presentar o proxecto. Ó acto asistiron os membros da comuniadde educativa do centro así como a Subirectora Xeral de Centros da Consellería de Educación , Eugenia Pérez, a Asesora de Bibliotecas Escolares, Cristina Novoa e o diretor xeral de creación e difusión da Consellería de Cultura, Luís Bará. Este último destacou a necesaria implicación das administracións neste tipo de proxecto posto que a lectura constitúe un hábito que se debe fomentar dende pequenos, tanto na escola como na familia.

    Redacción Barbanza