RIBEIRA> Nace en Ribeira unha plataforma cidadá para reclamar un transporte público de calidade. A entidade, integrada por cidadáns a título persoal e as ANPAS dos centros educativos, realizará a súa primeira acción o domingo día 26 cunha concentración a mediodía na praza do concello.
Os reiterados problemas co transporte público motivados polo incumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria do servizo levou á cidadanía a mobilizarse coa constitución dunha Plataforma por un Transporte Digno.
A iniciativa partiu dun grupo de veciñas da parroquia ribeirense de Castiñeiras que xa levaran a cabo unha campaña de recollida de sinaturas e mantiveron xuntanzas cos responsables da empresa nas que obtiveron diversos compromisos que nunca se chegaron a cumprir.
Sumáronse tamén as ANPAS dos institutos de Ribeira, directamente afectados polas deficiencias no transporte, coa apoio tamén das asociacións de nais e pais doutros centros educativos e entidades así como cidadáns a título persoal. Unha das primeiras accións a desenvolver pola recentemente constituída plataforma será a concentración na praza do concello convocada para o domingo 26 ás 12 da mañá.
Remitiron tamén un escrito á Consellería de Infraestruturas, Mobilidade e Transporte para que esixa á empresa o cumprimento do prego de condicións do contrato. Entre elas, os horarios, as frecuencias e o número de prazas necesarias para prestar o servizo en condicións.
A plataforma, aínda que constituída en Ribeira, nace con vocación comarcal polo que fan un chamamento a outras entidades e veciños do Barbanza a sumarse. Pódese contactar con ela a través do grupo de Facebook ‘Transporte Digno Barbanza’ ó que tamén se poden facer chegar queixas e incidencias relacionadas co transporte.