O BNG reclama máis chan industrial

    A Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, mantivo esta mañá en Santiago un encontro coas portavoces municipais do BNG nos concellos de Ribeira, Dominga Brión, e da Pobra do Caramiñal, Rosana Pérez, durante o cal se analizaron as necesidades de solo empresarial de ambos municipios.

    Na xuntanza as representantes do BNG no Barbanza conseguiron arrancar un compromiso da Conselleira de encargar, no prazo de 15 días, un estudo previo de viabilidade dun polígono empresarial ubicado entre ambos concellos.

    A zona proposta para localizar o polígono abarca os dous concellos e vai dende Moldes a Ribeira, en concreto no lugar de Teixoeira, no que respecta á Pobra do Caramiñal, ata o lugar de Pedras Bermellas, en Ribeira.

    Desde a Consellería de Vivenda e Solo valorouse, por un lado, o feito de que exista unha alta demanda de solo produtivo por parte do empresariado da comarca, por outro, a accesibilidade da zona, que dispón de dúas conexións coa vía de alta capacidade do Barbanza, así como outras infraestruturas que facilitaría o resto de servizos, auga e luz.

    Teresa Táboas coincidiu coas responsables municipais na necesidade de dotar a ambos concellos de solo empresarial, xa que as últimas actuacións nesta materia remóntanse a hai 15 anos, no caso de Ribeira, e algo menos no da Proba, tempo suficiente para retomar a creación de solo produtivo e evitar que se free o desenvolvemento económico.

    No encontro, celebrado a petición das portavoces municipais, e no que tamén participou o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, salientouse que a proposta das portavoces municipais nacionalistas coincide coa filosofía da Consellería en materia de polígonos empresariais, no sentido en que estes deben ubicarse con criterios de racionalidade e sempre atendendo ás necesidades reais do país.

    Redacción Barbanza