A Xunta convoca unha liña de axudas ós concellos para ampliar a rede de escolas infantís municipais

LOUSAME> A Conselleira de Política Social visitou o Punto de Atención á Infancia de Lousame. Alí, Fabiola García anunciou a convocatoria dunha liña de axudas dotada con 34 millóns de euros para a ampliación da rede de escolas infantís municipais.

A Xunta reforza a súa aposta pola conciliación cunha nova convocatoria de axudas destinadas ós concellos de toda Galicia para a posta en marcha de escolas infantís, dotada con 34 millóns de euros.

A Conselleira de Política Social, acompañada polo director xeral de Familia, facía este anuncio no transcurso dunha visita ó Punto de Atención á Infancia de Lousame. Este servizo, xestionado polo concello, conta na actualidade con 20 prazas das que 15 están cubertas neste inicio de curso.

A gratuidade universal da educación infantil vense sumar a outros programas enmarcados na Lei de Impulso Demográfico como a posta en marcha de casas niño no rural, a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia que teñen por obxectivo facilitar a conciliación familiar nos primeiros anos de vida dos nenos.