Alcaldes PP critican a política de obras do bipartito

    A decisión adoptada recentemente pola Xunta de Galicia de deixar sen efecto convenios subscritos polo anterior executivo galego está a desata-la polémica en varios concellos da comarca do Barbanza. As obras previstas no medio rural da zona que se viron afectadas pola anulación deses acordos suman un importe global próximo ó millón catrocentos mil euros. Varios concellos da comarca, como é o caso de Ribeira, Pobra do Caramiñal ou Rianxo veñen de recibir notificacións da Consellería do Medio Rural, nas que se lle comunica a anulación das obras. A maioría dos concellos afectados están gobernados polo Partido Popular, a excepción do de Rianxo, con alcalde socialista. En Ribeira a relación de obras que o concello incluiu no convenio agora anulado afectaba a un total de 16 pistas do ámbito rural, entre elas figuraban as que van de Bretal a Chans e de Chacín a Carolo. Na Pobra do Caramiñal tamén se verán afectados un total de 16 camiños nas parroquias do Xobre, Santa Cruz de Lesón ou San Isidoro de Postmarcos que ían ser acondicionados e mellorados. En Rianxo a resolución da consellería do Medio Rural deixa sen efecto a inversión comprometida para a pavimentación interior e a dotación de rede de saneamento ó núcleo de Rañó na parroquia de Leiro. Redacción Barbanza