O CSIF acusa ó alcalde de Boiro de modificar unilateralmente as quendas dos traballadores

BOIRO> A Central Sindical Independente e de Funcionarios acusa ó alcalde de Boiro de modificar unilateralmente os horarios e quendas dos traballadores. Denuncian tamén a denegación de días de asuntos propios e permisos sindicais por parte do rexedor.

O CSIF, o sindicato máis representativo no concello de Boiro, vén de denunciar a situación que se está a dar no corpo da policía local ante a modificación de horarios e cuadrantes dos axentes por parte do alcalde.

Insisten ademais en que o rexedor nega ós empregados públicos o acceso a días de asuntos propios e permiso sindical.  Dende o concello de Boiro aclararon que nos últimos días producíronse unha serie de baixas que obrigaron a reaxustar o cuadrante para cubrir o servizo; algo que acontece non só neste corpo senón en tódolos departamentos da administración onde os cuadrantes se axustan en función das necesidades.

Actualmente, a plantilla da policía componse de 14 persoas: dous son funcionarios en prácticas, sete están de baixa e outros dous de vacacións polo que foi preciso reestruturar o cuadrante de xeito urxente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí