A Consellería de Cultura promocionará Pontevedra como Cidade das Artes

PONTEVEDRA > A Consellería de Cultura establece unha liña de colaboración co Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes para promocionar Pontevedra como cidade das Artes. Ánxela Bugallo e Luís Bará entrevistáronse este martes co goberno municipal para repasar diversos proxectos culturais e de posta en valor do patrimonio histórico.

A Consellería de Cultura compromete diversos investimentos encamiñados a promover Pontevedra como cidade das Artes. A titular deste departamento, Ánxela Bugallo, estivo este martes no concello xunto co director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Pola mañá reuníronse no concello co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Bugallo amosouse disposta a cooperar co goberno local. A través da Dirección Xeral do Patrimonio contémplase o acondicionamento e mellora do Camiño de Santiago ó seu paso pola cidade. Neste apartado, destaca o proxecto da ponte do Burgo, ó que se destinarán 500 mil euros.

A Consellería de Cultura apoiará a instalación en Pontevedra da Oficina de Información sobre o Conxunto de Arte Rupestre deste e dos concellos limítrofes. Ademais, Patrimonio revisará os restos da muralla da cidade descubertos ata o de agora para a súa musealización. En canto á programación cultural, a consellería comprometeuse a incluír Pontevedra no circuíto cultural da Xunta. Para elo establecerase unha liña de colaboración non só co concello senón tamén cos centros de formación cultural da cidade.

Outros proxectos previsto para Pontevedra son a creación a principios de 2006 dunha escola de gravado e artesanía e dun curso de postgrao de xestión cultural. A Consellería tamén comprometeu unha partida de 30 mil euros para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Uns anuncios que foron moi ben recibidos polo rexedor pontevedrés.

Redacción Salnés