Francisco Barbeito e o CRE da ONCE, premios Cidade de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Teatro Principal acolleu esta mañá o pleno de honra no que se entregaron os Premios Cidade de Pontevedra. Francisco Barbeito, fundador de Cristalería Pontevedresa, e o Centro de Recursos Educativos da ONCE foron os galardoados con esta distinción que homenaxea a figuras que teñen destacado no ámbito profesional e social.

O Teatro Principal vestiu as súas mellores galas para acoller o pleno de honra no que se entregaban os Premios Cidade de Pontevedra a Francisco Barbeito e o Centro de Recursos Educativos da ONCE. Numerosas autoridades asistiron a este pleno, que se celebra con motivo da festividade de San Sebastián, patrón da cidade.

Francisco Barbeito, fundador de Cristalería Pontevedresa, agradeceu o galardón ofrecéndollo ás persoas que traballaron xunto a el durante 60 anos. O alcalde de Pontevedra destacou ó empresario coma un referente de traballo, honestidade e conexión con Pontevedra.

Pola súa banda, o presidente da ONCE, Miguel Carballeda, recoñeceu, ó recoller o premio no seu nome, a labor do Centro de Recursos Educativos de Pontevedra, un dos 5 que a entidade ten en todo o Estado. Fernández Lores agradeceu a labor da ONCE na construción da cidade.

O acto pechouse coa interpretación do Himno Galego por parte da banda de gaitas D’Algures.