As obras do antigo conservatorio e de Churruchaos estarán rematadas en marzo de 2026

PONTEVEDRA> As obras de rehabilitación do antigo conservatorio e do edificio de Churruchaos, en Pontevedra, estarán rematadas a tempo para cumprir os prazos establecidos polos fondos PIREP. Os traballos están a ser cofinanciados por estas axudas europeas, xestionadas polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, que fixan o mes de marzo de 2026 como data límite para rematar as obras. Os dous proxectos suman unha achega de 3 millóns de euros. Hoxe recibiron a visita do delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco.

As obras de rehabilitación do antigo conservatorio e do edificio de Churruchaos estarán listas a tempo. Así o asegura o concello de Pontevedra. Aínda que acumulan certo retraso respecto do previsto, o goberno local afirma que cumprirán os prazos marcados.

Estas intervencións están cofinanciadas con fondos europeos do PIREP, Programa de Impulso á rehabilitación dos edificios públicos, xestionados polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. No caso da sede municipal de Churruchaos, o investimento rolda o millón 300 mil euros.

Máis complexas aínda son as obras no antigo conservatorio. Aquí a actuación ten un custo de 1 millón 600 mil euros para converter o edificio de oito plantas nun lugar de encontro para actividades relacionadas coa cultura, a empresa e a creatividade.

O PIREP achega o 80% do total das intervencións, que roldan os tres millóns de euros.

Estes fondos europeos concederon na provincia de Pontevedra 22 millóns de euros para a execución de 24 proxectos a nivel municipal.