BARRO> Arranca as obras do novo parque central de maquinaria da Deputación de Pontevedra en Barro. O proxecto de construción das novas instalacións ten un orzamento de máis de 2 millóns de euros e un prazo de execución de 8 meses. Unha vez rematado, o proxecto continuará co derribo do anterior edificio para a rexeneración da Xunqueira de Alba.
A deputación de Pontevedra deu comezo ás obras de construción do seu novo parque central de maquinaria no polígono de Barro. O novo parque construirase nunha superficie de máis de 8500 metros cadrados. O edificio constará de tres zonas: a nave taller, un almacén e o bloque administrativo.
Co novo parque a deputación cumprirá con dous obxectivo: renovar as instalacións do seu parque de maquinaria e recuperar a Xunqueira de Alba. Un espazo que se rehabilitará unha vez rematadas as obras e logo de derrubar o actual parque.
Dende a Deputación sinalaron que o polígono de Barro é perfecto para o seu novo parque central pola súa localización e accesibilidade. Un traslado que para o concello de Barro supón un motivo máis para aumentar o atractivo do seu polígono.
A obra ten un prazo de execución de 8 meses. Unha vez rematada a obra, procederase ao derrube do actual edificio e a rexeneración da Xunqueira de Alba, cuns prazos similares, co que se agarda que o proxecto ao completo estea rematada no prazo dun ano e medio.