OUTES> O BNG vén de rexistrar unha nova iniciativa no Parlamento en relación coa paralización das obras de rehabilitación da Pontenafonso. Os nacionalistas queren coñecer en que consiste o modificado do proxecto que motivou que os traballos permanezan parados dende o mes de decembro.
Os nacionalistas cualifican de chapuza as obras de rehabilitación que se comezarona executar na Pontenafonso entre os concellos de Outes e Noia. Xa cando se presentou o proxecto, dende o BNG propuxeron a recuperación do peitoril de pedra en lugar da varanda metálica proxectada inicialmente. Aínda que daquela a Xunta non tivo en conta a proposta dos nacionalistas, semella que agora si optou pola colocación dunha varanda de pedra, pendente da autorización de Patrimonio.
Para o BNG, esta é soamente unha mostra máis do escaso respecto amosado pola Xunta con respecto a este ben patrimonial posto que, din, a rehabilitación non se axusta nin ó aspecto nin á capacidade orixinal da ponte.
De feito, cando se iniciaron os traballos os nacionalistas xa solicitaran, sen éxito, a súa paralización cautelar. Insisten ademais en que o proxecto non estivo a exposición pública nos concellos afectados polo que non se puideron incorporar alegacións veciñais.