A Xunta e o concello de Ribeira asinan un convenio para a rehabilitación da UAD

RIBEIRA> Mediante o convenio asinado entre as dúas institucións, o concello disporá de cincocentos dezaoito mil euros a devolver en oito anos con interese cero. Destinaranse á rehabilitación do edificio que acolle a Unidade de Atención a Drogodependencias. Ademais da reparación da fachada e illamento térmico do inmoble, acondicionaranse o segundo e terceiro andar para acoller aulas de formación e locais para asociacións. A concesión deste crédito enmárcase no Fondo De Cooperación, dirixido a concellos de menos de cincuenta mil habitantes. A Xunta leva destinados xa máis de tres millóns e medio en toda Galicia con investimentos destacados na comarca como a rehabilitación do pazo de Goiáns en Boiro. Por outra banda, Ethel Vázquez fixo un repaso polas actuacións que está a desenvolver o seu departamento en Ribeira. A principal: o proxecto de circunvalación no que se investirán nove millóns de euros en dúas fases. A intención da Consellería é culminar o proxecto do trazado e o estudo de impacto ambiental ó longo do próximo ano.