O Concello de Vilagarcía recollerá as preferencias dos usuarios do Auditorio

    VILAGARCÍA > Caixanova e o Concello de Vilagarcía traen este luns a dous prestixiosos músicos, Isabel Van Keulen e Ronald Brautigam, dentro da súa aposta pola programación de actuacións musicais no Auditorio municipal. O Concello anunciou ademais que pulsará a opinión do público para coñecer as súas preferencias.

    O Concello de Vilagarcía estudia a creación dunha base de datos dos usuarios do auditorio para coñecer as súas preferencias e para informalos dos distintos espectáculos que se ofrecen a través do convenio cultural con Caixanova. Así o anunciou este mércores o concelleiro de Cultura, Roberto Araújo. A intención de ambas entidades é darlle un pulo a espectáculos musicais, ademais de seguir apostando polo teatro.

     

    Precisamente, no eido musical, Araújo e mailo responsable de zona de Caixanova, Javier Villaronga, presentaron a actuación da violinista Isabel Van Keulen e do pianista Ronald Brautigam. Ambos músicos levan 15 anos actuando xuntos cunha dilatada carreira ás súas costas que os levou a colaborar coas máis prestixiosas orquestras de todo o mundo. Un privilexio do que poderán gozar os arousáns este luns 28 de novembro, a partir das nove da noite.

    No concerto Van Keulen e Brautigan interpretarán sonatas de Poulenc, Debussy e Brahms. As entradas xa se poden adquirir a través da páxina web www.caixanova.com, ou na taquilla telefónica 902.504.500. O mesmo día da función poden comprarse no Auditorio Municipal de once a dúas, pola mañá, e de seis a nove e media, pola tarde. Os prezos oscilan entre os 11 euros da zona A, 10 euros da B e 8 euros da C.

    Redacción Salnés