Amigos de Galicia inicia a campaña de recollida de xoguetes

    VILAGARCÍA > A Fundación Amigos de Galicia presentou este mércores en Vilagarcía a súa campaña de recollida de xoguetes para os nenos máis necesitados de Galicia. No que vai de ano, a entidade xa atendeu con diversas doazóns a máis de 800 nenos en toda a comunidade. Na comarca do Salnés, O Grove é, con 26 nenos, o concello onde máis rapaces se benefician desta colaboración.

    Dalle un sorriso a un neno. Baixo este lema presentouse hoxe a campaña promovida pola Fundación Amigos de Galicia para que ningún neno galego quede sen xoguetes este Nadal. Xunto con outras entidades e administracións locais, Amigos de Galicia vén colaborando todo o ano cos distintos centros de acollida e de atención a menores de toda a comunidade, aportando roupa e elementos de primeira necesidade. Nestas datas, a fundación quere que os nenos máis necesitados reciban tamén o seu agasallo no Día de Reis.

     

    Ademais da partida de xoguetes adquirida pola fundación, os cidadáns que así o desexen poden facer a súa doazón nos locais de Cáritas Interparroquial de Arousa e de Pontevedra, ata o día 24 de decembro. Desde esa data e ata o seis de xaneiro, repartiranse os xoguetes a tódolos nenos de Galicia.

    Redacción Salnés