O Túnel do Viño consolídase na Festa do Albariño con máis de 160 marcas

CAMBADOS> O Túnel do Viño consolídase dentro do programa da Festa do Albariño de Cambados. Durante catro días, o Salón José Peña ofreceu un espazo alternativo aos stands do Paseo da Calzada.

Os que pasaron polo Túnel do Viño tiveron ao seu alcance máis de 161 marcas de 60 adegas diferentes. Unha oportunidade case única para achegarse a estes caldos.

Ademais de facilitar ao visitante unha experiencia máis tranquila ao achegarse aos Rías Baixas, tamén ofreceu o apoio de expertos. Un equipo de sumillers percorreu o Salón, guiando, aconsellando ou informando.

A pesares do que poida parecer inicialmente, o Túnel do Viño é un espazo apto para todo tipo de públicos. Unicamente precísase curiosidade e gañas de vivir unha experiencia diferentes cos caldos de Rías Baixas.

Durante o 2017 o Túnel do Viño superou os 700 visitantes; cifra que medra ano tras ano e que confirma o éxito desta iniciativa. Dende logo, o público sabe recoñecer esta oportunidade para coñecer o que se está a facer na Denominación de Orixe Rías Baixas.

Para moitos xa se ten convertido incluso na mellor opción dentro da proposta da Festa do Albariño de Cambados. Unha alternativa tranquila e unha experiencia diferente á que se pode vivir durante os días da festa no Paseo da Calzada nos 40 stands das adegas.

A riqueza desta posibilidade é algo que tamén valoran dende as institucións. Á inauguración da cita asistiron tanto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal. Mentres que o primeiro destacaba o Túnel como un escenario alternativo á Festa do Albariño, a segunda amosaba a súa intención de manter esta colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Ademais do espazo de cata, o Túnel do Viño ofrece unha programación de catas temáticas a cargo de diferentes adegas de Rías Baixas, que presentan distintas experiencias ou proxectos nos que están a traballar ante o público asistente. Nesta edición, foron once as que se celebraron no Salón José Peña.