A POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal levará ó pleno do xoves as obras contempladas para o municipio no POS 2006 da Deputación da Coruña. Entre as actuacións figuran o saneamento de Cabío e a pavimentación de diversas rúas así como o acondicionamento de varios postos do mercado municipal.
A concellería de Obras da Pobra do Caramiñal, seguindo coa súa liña de dotar de infraestruturas de abastecemento e saneamento a tódolos núcleos do municipio, acometerá a renovación da rede dende a baixada de Cabío ata o campo de fútbol, actuación presupostada en preto de 52 mil euros.
Así mesmo, o POS 2006 incluirá a pavimentación da estrada da Atalaia que soporta un importante tránsito de vehículos xa que conecta co cemiterio municipal. Así mesmo procederase ó acondicionamento do acceso ó colexio Salustiano Rey Eiras, coa pavimentación do entorno e a construción de beirarrúas. As dúas actuacións supoñen un investimento de máis de corenta e nove mil euros.
Por outra banda, procederase á pavimentación da estrada dende o alto de Cabío ata o campo de fútbol por un importe de trinta e nove mil euros que contribuirá á desconxestión do tráfico nos accesos á praia.
Así mesmo, está previsto o acondicionamento dos postos de charcutería, carnicería e froitería do mercado municipal que supón un orzamento de máis de sesenta mil euros. Con esta actuación danse por terminadas as instalacións do novo mercado que abrirá as súa sportas en xaneiro.
O alcalde, Isaac Maceiras, amosou a súas satisfacción polo futuro desenvolvemento destas obras que contribuirán a unha mellora dos servizos en prol do benestar dos veciños.
Redacción Barbanza