BARBANZA > A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes anunciou durante unha recepción ós alcaldes do Barbanza que ten previsto achegarse ata a comarca para realizar unha presentación pública do proxecto da futura autovía debido ó interese que esperta esta actuación entre a veciñanza. Polo de agora non hai unha data fixada, aínda que todo parece indicar que o acto podería ter lugar en breve.
Precisamente durante a xuntanza mantida en San Caetano, os representantes políticos dos catro concellos que compoñen Arousa Norte, convidaron á Conselleira María Xosé Caride a que realizara na comarca unha presentación do proxecto de desdobramento da actual vía autonómica.
A titular de Política Territorial tamén lles anunciou o inicio inminente do proceso de expropiación para deste xeito poder dar inicio ás obras en setembro.Outro dos aspectos abordados na reunión foi a solicitude de que as obras de construción da futura autovía se realicen por tramos.
Na xuntanza tamén se analizaron diversos aspectos relacionados coa seguridade na actual estrata mentres non dean comezo as obras. Neste sentido a Conseleira anunciou que a Dirección Xeral de Tráfico vai intensifica-los controis nesta estrada nos vindeiros meses, así como levaranse a cabo pequenas actuacións como poden ser a instalación de nova sinalización ou naquelas zonas máis perigosos a dotación de firme antideslizante para evita-los accidentes.
Os alcaldes tamén lle expuxeron a María Xosé Caride a necesidade de incluír coas obras da futura autovía a canalización do gas e as novas tecnoloxías para o Barbanza.
A nova da adxudicación das obras da autovía tivo tamén moi boa acollida entre os veciños da comarca. A maioría dos barbanzás considera moi necesaria esta obra para garanti-la seguridade viaria na comarca e reduci-los índices de sinistralidade que se rexistran na actualidade na vía rápida do Barbanza. Así mesmo, os veciños consideran que a nova infraestrutura incidirá positivamente no desenvolvemento económico da zona.
Redacción Barbanza