A patronal ribeirense abandona a FEB

    RIBEIRA> As discrepancias coa presidencia da Federación parecen estar detrás da decisión. A través dunha carta remitida á propia Federación de Empresarios do Barbanza, a directiva da patronal ribeirense comunicáballe a súa decisión de causar baixa da entidade. Ó parecer os motivos esgrimidos para tomar esta decisión responden basicamente ó incumprimento dos obxectivos que persegue a asociación ribeirense, ó non responder as necesidades do seu sector empresarial e comercial . O acordo foi tomado na última asemblea xeral de socios despois de varios intentos de achegar posturas entre as directivas de ámbalas dúas entidades. No fondo de toda esta polémica figuran tamén as desavinzas xurdidas nas pasadas eleccións á presidencia da FEB, nas que saía reelixido Xosé Ramón Romero. Daquela barallárase unha posible candidatura alternativa que finalmente non chegou a fraguarse que estaría encabezada polo presidente da patronal ribeirense, Antonio Teira, en desacordo coa xestión que estaba a levar a cabo a Federación.