BOIRO > O PP de Boiro vén de amosar o seu desacordo ante o estado de abandono que presenta o edificio da futura gardería e centro de día. Segundo os populares, as instalacións atópanse cheas de maleza e lixo ofrecendo un aspecto lamentable no entorno do paseo marítimo. Así mesmo, o grupo popular denuncia o retraso na posta en marcha deste servizo, xustificada polo tripartito pola falla de fondos procedentes da Xunta.
De “lamentable” cualificou esta mañá o PP de Boiro o estado actual no que se atopa o edificio da gardería e o centro de día. O voceiro da formación boiresa sinalou que as instalacións semellan estar en ruínas, cheas de maleza, lixo e ferralla, o que perxudica gravemente a imaxe do paseo marítimo de Barraña no que se ubican.
Así mesmo, os populares consideran excesiva a partida exposta polo goberno para a posta en marcha dos servizos. Esta cantidade, que ascende ós seiscentos mil euros, estaría destinada exclusivamente ó mobiliario, acondicionamento do patio e peche perimetral.
Neste sentido, o voceiro do PP boirés acusa ó goberno local de multiplica-los presupostos de tódolos proxectos que pasan polas súas mans como no caso da rexeneración da praia de Barraña e o Centro Social de Cabo de Cruz. Así mesmo, alegan que o bipartito malgastou os cartos municipais noutras actuacións en lugar de investilo na gardería e centro de día.
Como conclusión, os populares sinalan a actitude oportunista do goberno que, ó seu parecer, está a retrasar as obras deliberadamente para que o seu remate coincida coas próximas eleccións municipais.
Redacción Barbanza