O concello de Ribeira destina trinta mil euros para axudar ó armador do Saleta

    RIBEIRA > A corporación municipal de Ribeira ten previsto habilitar unha partida de trinta mil euros no vindeiro pleno destinada a axudar ó armador do Saleta. Andrés Ciprián Teira foi condenado a pagar unha indemnización de trescentos mil euros polas lesión sufridas por un rapaz a bordo do pesqueiro nun accidente acontecido na procesión marítima do Carme en 1998.

    O accidente acontecido a bordo do buque Saleta na procesión Marítima das Festas do Carme de Aguiño en 1998 volve de novo á actualidade trala aprobación no Parlamento dunha proposta que solicita ó goberno unha reforma normativa para incrementar a seguridade nas embarcacións que se empreguen nos festexos marítimos.

    Neste sentido, a Dirección Xeral da Mariña Mercante está a elaborar unha normativa que contempla a presencia de acompañantes de seguridade nos buques, ademais da cobertura dun seguro para as embarcacións que paritcipan nos actos, a cargo da comisión de festas ou outra institución responsable. 

    Esta normativa, segundo informou o director da Mariña ó alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, entrará en vigor o vindeiro ano e garantirá a celebración das procesións marítimas de forma organizada e coas medidas de seguridade precisas.

    Así mesmo, o rexedor ribeirés informou de que a corporación municipal aprobará no pleno do próximo luns unha partida de trinta mil euros destinada a axudar ó armador do Saleta a facer fronte á indemnización. Tamén está previsto habilitar unha serie de contas bancarias para que tódalas persoas que o desexen aporten a súa colaboración.

    Nesta liña, Torres Colomer insistiu na importancia das procesións marítimas en Galicia, tanto a nivel relixioso, como cultural e turístico polo que é preciso seguir conservando esta tradición.

    Redacción Barbanza