POBRA> A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, entregou esta mañá á biblioteca da Pobra a ‘maleta viaxeira’ contra a violencia de xénero, coa que se busca promover a reflexión, a sensibilización e a concienciación sobre as situacións de vulnerabilidade das propias mulleres.
A maleta contén diferentes libros con temática feminista e de igualdade, tanto para público adulto coma infantil.
Segundo explicou a propia María Rivas ‘Mavi’ é unha ferramenta esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e libre de violencias machistas.
Dende o Concello destacaron a importancia da iniciativa, agradecendo á Subdelegación do Goberno por ter reparado na Pobra para poder acoller esta maleta coa que se busca poñer fin a unhas desigualdades que, desgraciadamente, aínda existen na sociedade.
A Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero permanecerá na biblioteca da Pobra durante os próximos tres meses para percorrer posteriormente outras localidades da provincia.











