Excesivo castigo para o Extrugasa fronte ó Ros Casares

VILAGARCÍA> O Extrugasa debutou coma local na Liga Femenina. Non o puido facer cunha victoria porque enfronte tiña o actual campión, o Ros Casares, que ó final levouse a victoria por 16 puntos de diferencia.

{flowplayer}images/salnes/extrugasa_141010.flv{/flowplayer}

Demasiado castigo para o Extrugasa. Os 16 puntos de diferencia no marcador final (48-64) non reflectiron o bo traballo feito polas de Tito Díaz, que tan só se desmoronaron nos últimos tres minutos.

Antes foran quen de manterse na loita pola victoria a base de defensa e pese ó desacerto en ataque. Jordi Fernández, o técnico visitante, sabía que controlando o rebote e evitando que as vilagarciáns correran, o encontro caería do seu lado. E así foi, aínda que custoulles moito máis do agardado.

Ata ben entrado o segundo cuarto as visitantes non se despegaron no marcador. Con 18-18 no electrónico os colexiados sinalaron unha rigurosa técnica a Tito Díaz que as visitantes aproveitaron para irse cinco puntos arriba. As rentas comezaron entón a oscilar entre os sete e os nove puntos no segundo e terceiro cuarto e fóronse por enriba dos dez no último.

Aínda así chegaría o derradeiro arreón do Extrugasa liderado no perímetro por Cristina Souza e na pintura por Vinuchalova e Stevensson. As locais tiveron ata tres posesións para poñerse a cinco puntos a falta de tres minutos, pero desaproveitáronas. Logo chegaron as perdas de balón, as contras do Ros Casares e os 16 puntos de diferencia.

Esta derrota entraba dentro do previsto, por iso no preocupa no seo do equipo. Iso sí, tratarán de reconducir a situación canto antes intentando gañar o sábado ante La Seu D’Urgel.

O Extrugasa quédase décimo na táboa cunha victoria e unha derrota. A liga voltará a Fontecarmoa o vindeiro mércores, na cuarta xornada, día no que rinde visita o actual líder, o Rivas Ecópolis.

Redacción Salnés