O Concello do Grove financia a limpeza dos montes comunais

    convenio_montes100.jpgO GROVE > O concello do Grove asinou un convenio coas comunidades de montes do municipio para conservar…

    … en bo estado estes terreos rurais. Segundo este acordo, o concello financiará a limpeza destes montes e tamén asumira os custos das obras do campo de fútbol de Lampans, que comezarán no mes de xaneiro.

    O concello do Grove subvencionará ás dúas comunidades de montes do municipio con 10.000 euros anuais para a correcta conservación destes espazos. As comunidades de montes de San Vicente e San Martiño percibirán 5.000 euros ao ano, cada unha. Cartos que deberán investir na limpeza dos montes comunais. O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, asinou hoxe esta subvención que considera unha débeda histórica do concello cos colectivos comunais.

    Os montes do Grove levan anos sumidos no abandono por parte das administracións. Un feito que, segundo o presidente da comunidade de montes San Vicente, débese á escasa riqueza forestal destes espazos naturais.

    Reparación do campo de Lampáns

    O concello do Grove asinou hoxe outra materia pendente: o financiamento das obras de reparación do campo de fútbol de Lampáns. O concello aportará 95.000 euros para a execución dos traballos necesarios para reparar os vestiarios deste campo e as gradas. Amais, o concello acondicionará o campo para que a Deputación de Pontevedra financie a segunda parte deste proxecto que consiste na colocación de herba sintética nestas instalacións. As obras comezarán no mes de xaneiro e rematarán antes do verán, segundo o alcalde do Grove.

    Redacción Salnés