Si a subir o orzamento de Servizos Sociais, non ó catering escolar

    VILAGARCÍA> De acordo con que se intente dar cobertura ós posibles problemas de malnutrición dalgúns cativos de Vilagarcía, pero non rotundo ás formas e ó sistema de catering proposto polo goberno local. Ó bipartito vilagarcián chovénrolle hoxe as críticas por tódolos lados ante unha proposta que anunciaron a bombo e prato como a gran medida para atender as necesidades alimentarias dos escolares durante o verán. A oposición en bloque rexeitou as formas e os termos da proposta, aínda que facilitaron que se destinaran dez mil euros máis a servizos sociais. O que o goberno local presentaba hai uns días como a medida estrela para responder ás voces que clamaban o mantemento dos comedores escolares en verán, converteuse nunha nova fronte de críticas por parte da oposición. Esta tarde o pleno votaba a modificación de crédito para dirixir dez mil euros do orzamento municipal a custear un servizo de catering que cubra as necesidades nutricionais dos nenos de familias con dificultades para ofrecerlles unha alimentación equilibrada no verán. PSOE, BNG e Esquerda Unida coincidiron na necesidade de implementar a partida de servizos sociais. Peor foron intransixentes e moi críticos coa proposta de Ravella. Segundo os socialistas, a medida non só chega tarde, senón que é unha mostra da desorientación coa que vaga o goberno de Tomás Fole. Insistiron na necesidade de traballar nun pacto social. Na mesma liña se situou o BNG. Segundo os nacionalistas, o servizo de cátering proposto suporá someter ós nenos a unha etiquetaxe, a unha certa estigmatización como usuarios dun servizo de beneficiencia. E non entenden a proposta cando no Parlamento xa se acadou un acordo a favor dos comedores escolares. Máis molesto se amosou o voceiro de Esquerda Unida. Non só polo tardío da proposta senón, segundo o esquerdista polo insuficiente da partida que se destina a cubrir unha necesidade básica dos menores de Vilagarcía. Juan Fajardo insistiu en amosar tamén a súa molestia polo feito de que esa partida saia do montante dos seus ingresos como edil que decidiu ceder a servizos sociais. Non polo destino da causa, senón por que se vaian entregar a unha empresa privada que sería a que ofrecería o servizo de catering. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/30/PLENOVILLA300614.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/30/PLENO_VILAGARCIA_300614.mp4{/flowplayer}