Posponse a aprobación do PERI do Porto de Vilagarcía ata o vindeiro pleno

    VILAGARCÍA > A aprobación do PERI do Porto de Vilagarcía será posposta por decisión da oposición. Así se acordou onte durante a sesión plenaria que tivo lugar no concello vilagarcián. BNG, PP e Esquerda Unida requiriron novos informes e maior tempo para analizalos.

    A oposición en pleno negouse a votar a aprobación do PERI do Porto de Vilagarcía proposta polo equipo de goberno. Tanto Esquerda Unida como IVIL, o Partido Popular e mailo BNG detectaron numerosas dúbidas, falta dalgúns informes solicitados e  alegaron pouco tempo para estudalo.  O alcalde defendeuse dicindo que o informe foi trasladado no momento no que dispuxeron del.

    Dende o Partido Popular consideraron que, efectivamente, a mellor opción era a de non precipitarse na votación do informe como medida preventiva para evitar errar.

    Especialmente crítico foi o representante de Esquerda Unida, Juan Fajardo, que advertiu ós socialistas de que co apoio ó PERI incumprían o acordo asinado en 2000 en colaboración co BNG sobre o traslado dos depósitos de Ferrazo, reavivando así o debate nesta materia.

    Gago, que tildou a Fajardo de manipulador, desmentiu que o PERI permitira a instalación de novos contedores e a permanecia dos que xa están. O rexedor vilagarcián asegurou que a actitude da oposición de retardar a votación do informe non cambiará o discurso no vindeiro pleno e só logrará retrasar os prazos.

    Baixo moción dos populares, durante o pleno, o alcalde Javier Gago comprometeuse a continuar coas xestións polo desenvolvemento das infraestructuras deportivas do municipio e a tomar algunha medida preventiva na sinalización da rotonda do polígono do Pousadoiro. Por decisión unánime acordouse tamén comezar o expediente de distinción en favor do regatista vilagarcián Antón Paz, sobre o que todos destacaron a súa labor.
    Ó final do pleno tomou posesión do seu cargo o edil Francisco de la Barrera que ocupará, en diante, a praza vacante deixada polo novo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz. De la Barrera sustituirá a Paz como representante do Goberno socialista no Consello Escolar, no Patronato das Illas Atlánticas e no CES.

     

    Redacción Salnés