Catro hostaleiros do Piñeiriño recadan fondos para celebrar as festas de San Xoán no barrio das Pistas

VILAGARCIA> Catro hostaleiros do barrio do Piñeiriño de Vilagarcía recadan fondos para axudalos a recuperar a tradicional celebración das festas de San Xoán no seu barrio. Os catro rapaces xa teñen organizada a festa con dous días de celebracións nos que se inclúen orquestras, sardiñadas e actividades para os máis cativos. Piden á colaboración da veciñanza para apoialos e que poidan seguir organizando as festas nos vindeiros anos.

O barrio do Piñeiriño en Vilagarcía prepárase para unha gran celebración da noite de San Xoán. Unha festa que será posible grazas á iniciativa de catro hostaleiros da zona: Rubén do café as pistas, Luismi do Nautilus e Borja e Lucas do Madia Leva e Mala Uva. Os catro mozos estanse encargando de que o barrio das Pistas recupere o seu tradicional festexo na noite de San Xoán.

Involucrados en que o barrio volva a gozar dunha festa importante, os catro membro da comisión decidiron aumentar a celebración un día máis a noite do 24 de xuño.

Na celebración do San Xoán do Piñeiriño non faltará de nada, ademais da música, os catro hostaleiros tamén organizarán a sardiñada, unha churrascada e porán unha barra nun dos terreos da rúa Mondariz.

Pero todo o festexo está correndo a cargo dos catro membros da comisión, por iso piden colaboración á veciñanza para poder costear os dous días de celebración. Moitas empresas xa aportaron o seu gran de area, e os interesados en colaborar coa comisión poden facelo realizando unha doazón nas huchas que están dispoñibles nos catro bares.

Os catro mozos tampouco se esquecen dos máis pequenos, e para eles tamén haberá inchables e unha festa da espuma todo totalmente gratuíto. Unha programación moi completa e aberta a todos os públicos que necesita da colaboración da veciñanza para que o San Xoán das Pistas sexa unha gran festa que perdure moitos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí