O PP de Boiro acusa ó concello de especular cos terreos públicos

    BOIRO > O PP de Boiro vén de acusar ó tripartito de ‘falla de transparencia’ na negociación do convenio entre o concello e Erosmer Ibérica. Segundo os populares, os termos do acordo contemplan a enaxenación de propiedades tanto públicas como privadas con intereses ‘meramente especulativos’.

    De ‘oscurantistas’ cualifica o PP de Boiro as negociacións levadas a cabo entre o concello e a sociedade ‘Erosmer Ibérica’  para a cesión de terreos. Os populares sinalan que o convenio non beneficia en absoluto os intereses dos veciños posto que o concello vai ‘regalar cento cincuenta e cinco mil metros cadrados de terreos mentres que soamente gaña un pazo arruinado’. Segundo o voceiro popular, Xoán Xosé Dieste, este feito soamente reponde ós ‘oscuros intereses’ do tripartito.

    Segundo os populares esta actuación contrasta co convenio acordado polo anterior goberno do PP no que Boiro saía gañando cincuenta mil metros cadrados para parques públicos que antes eran propiedade privada co que a maiores obtiñan dez mil metros cadrados e o dez por cento de aproveitamento urbanístico.

    Os populares engaden este convenio ós diferentes escándalos que, segundo eles, está a protagonizar o goberno boirés. Entre eles, o caso Fajardo, o caso Fórneas ou a concesión da redacción dos plans parciais de Cabo de Cruz e Barraña.

    Xoán Xosé Dieste considera que a intención do tripartito é confundir á opinión pública presentando este convenio como vantaxoso para os cidadáns mentres que o único que están a facer é ‘arrebata-las propiedades de terreos da Pedreira para regalarllas a Eroski’.

    Redacción Barbanza