Os afiliados do PP elixen compromisarios para o congreso rexional

    SALNÉS > Os afiliados do PP elexiron este mércores pola tarde ós compromisarios que votarán ó vindeiro presidente do PPdeG.  No Salnés foron catro os concellos onde houbo votacion: A Illa, O Grove, Ribadumia e Vilagarcía. Na comarca de Caldas, só Catoira tivo que acudir ás urnas. Nestes concellos os militantes divídense entre dous candidatos, Núñez Feijoo e Xosé Cuíña. No resto, onde se consensuou a lista de compromisarios, a maior parte dos apoios irán para Feijoo.

    Dende as catro da tarde e ata as dez da noite estiveron abertas as sedes do PP dos concellos onde hai máis candidatos que compromisarios. En Arousa isto ocorreu en Vilagarcía, A Illa, O Grove, Ribadumia e Catoira, curiosamente concellos onde hai listas de independentes do PP. A moitos deles se achegou nos últimos días o candidato Xosé Cuíña, o que provocou certa polémica e as críticas das directivas locais. Foi o caso do presidente da xestora vilagarciana, Tomás Fole, que é xa compromisario como membro nato.

    O Congreso da sucesión de Fraga deixou ó descuberto a división interna do PP do Grove. O alcalde Miguel Ángel Pérez defende a candidatura de Núñez Feijoo e a presidenta do PP local Paula Janza decántase por Xosé Cuíña. Tanto un como o outro dedicaron os últimos días a visitar á militancia para entregar as papeletas e tratar de arrimar a sardiña á súa ascua. A división entre as dúas principais figuras do PP local tamén se traslada ó seo do grupo de goberno municipal. Miguel Devesa tomou posición por Paula Janza, mentres que Fernando Meis, Fernando Casas e Ana Isabel Domínguez comparten a opinión do alcalde. Precisamente, Domínguez acudirá ó Congreso Rexional en representación de Novas Xeracións.

    Os afiliados do Grove, que se foron achegando durante toda a tarde á sede do PP tiveron oportunidade na última semana de coñecer os programas por boca dos propios candidatos. O primeiro en achegarse a terras mecas foi Xosé Cuíña e con el puidemos ver ó seu carón, á presidenta local Paula Janza. Tamén Alberto Núñez Feijoo estivo no Grove arroupado neste caso polo alcalde, Miguel Angel Pérez.

    Un dos concellos onde máis polarizadas estiveron as votacións foi Ribadumia. Quizais por iso foi o último lugar elexido polo candidato Núñez Feijoo, que o martes pola noite acudiu ó centro social de Barrantes para saudar ós militantes e pedirlles o seu apoio nesta campaña. Entre os presentes houbo moitas caras coñecidas da comarca. 

    Alí era esperado pola alcaldesa, Salomé Peña, que o acompañou no seu saúdo a tódolos congregados, que eran moitos. Militantes de Ribadumia e tamén responsables políticos doutros concellos do Salnés, como os edís cambadeses Luís Aragunde e Rosa Oubiña, a illense Zoila Paz, a tenente de alcaldesa de Ribadumia, Lidia Álvarez ou o alcalde de Meis, José Luis Pérez. Tamén estivo o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e secretario de organización do PP provincial, José Juan Durán e outras caras coñecidas, como a do empresario ribadumiense José Luis Vilanova García.

    Todos puideron escoita-las ideas de renovación expostas polo candidato Núñez Feijoo que loubou o traballo feito polo presidente provincial, Rafael Louzán e apostou polo relevo xeracional. Precisamente Ribadumia é un dos concellos onde a elección dos compromisarios presenta maior rivalidade, ó estar dividida a familia popular entre os partidarios do novo goberno de Rafael Louzán e Salomé Peña, e os do antigo, encabezado polo ex alcalde Nené Barral. Quizais por iso o resultado desta cita electoral vai ser especialmente analizado polas dúas agrupacións, xa que servirá para medi-los apoios con que contan os independentes case tres anos despois das eleccións municipais. 

    Onde non houbo que acudir ás urnas foi en Vilanova, Cambados, Meaño, Meis e Sanxenxo, que acadaron unha lista de consenso. Neste último concello presentáronse algúns candidatos máis dos 13 que designou o PP, pero finalmente chegouse a un acordo para evita-las votacións e no que estarían recollidas as dúas sensibilidades do partido local. No resto das listas de consenso, os compromisarios apoiarán a Núñez Feijoo, polo menos a priori. Haberá despois que ver quen estampa a sua firma para avalar a algún dos catro aspirantes e a quen se apoia chegado o congreso de xaneiro. Porque non se pode esquecer que as votacións alí serán segredas e pode haber moitas sorpresas.

    Redacción Salnés