SANXENXO > A corporación municipal de Sanxenxo aprobou este martes inicialmente os regulamentos de limpeza pública e contra a contaminación acústica. No primeiro caso fixéronse puntualización e recibiu apoio unánime, pero no segundo caso, o BNG votou en contra para poder presentar alegacións.
O regulamento para a Contaminación Acústica aprobouse de forma inicial aínda que só cos votos favorables do PSOE e do equipo de goberno. O BNG votou en contra para poder alegar, xa que considera que a prohibición de usar megafonías con fins propagandísticos excede as atribucións do Concello e choca con principios fundamentais.
O que si se aprobou por unanimidade foi o regulamento de limpeza pública e recollida do lixo. Pero antes, a petición do Bloque, tivéronse que plasmar algunhas modificacións para concordar o documento. No artigo no que se prohibe a publicidade e actos de propaganda na vía pública engadiuse a expresión publicidade comercial. Segundo sinalou o concelleiro do BNG, David Otero, do contrario parece que o concello mete no mesmo saco a publicidade e os actos sociais reivindicativos. Otero referiuse ás pancartas de Ronda Non retiradas conforme á ordenanza vixente, e solicitou que se corrixira neste novo regulamento. O PP aclarou que neste documento non hai ánimo algún de coartar a liberdade de ningún colectivo.
Pola súa banda, a portavoz do PSOE, Dulcinea Aguín, solicitou ó Concello a limpeza de diversas pintadas ofensivas. O goberno local comprometeuse a borrar as existentes en espazos de competencia municipal, e no resto dos casos a facer as xestións oportunas ante a administración competente. Francisco Villaverde presentou unha moción, que foi aprobada cos únicos votos do PP. Nela facúltase ó alcalde para iniciar as accións necesarias, incluídas as xurídicas, para que a Consellería de Medio Rural rectifique e non suspenda as obras previstas en varios camiños dentro do Plan de Infraestructuras Rurais.
Redacción Salnés