Catro camións da empresa ‘Excanando’ arderon a pasada madrugada a causa dun cortocircuíto

    MEAÑO > Catro camións da empresa de escavacións ‘Excanando’ , do polígono da Pedreira, arderon esta pasada madrugada aparentemente a causa dun cortocircuíto. O lume comezou nun dos camións propagándose rapidamente ó resto sen que se puidese facer nada para resgardalos das lapas. Dende a empresa calculan que as pérdidas ascenden a uns 400.000 euros.

    camions_queimados_300_270807__still_002.jpgO dono da empresa de escavacións e construccións ‘Excanando’, Fernando Castro, decatouse do acontecido gracias a un veciño que o chamou ó redor das cinco da pasada madrugada alarmándoo do que acontecía. Catro dos 15 camións que ten a empresa atopábanse envoltos en lapas.

    Castro acudiu á súa empresa ás cinco e cuarto e os bombeiros chegaban ó lugar cinco minutos máis tarde. Nada se puido facer por resgardar das lapas a ningún dos camións pese a que os bombeiros só tardaron preto dunha hora en apagar as lapas. En algo máis de dúas horas os vehículos quedaron reducidos a cascallos.

    Segundo o dono de ‘Excanando’ o camión no que se provocou o cortocircuíto chegou o venres despois de realizar un longo traxecto e xa cheiraba algo a queimado. Nembargantes, non lle deron importancia crendo que se debía ó longo camiño que fixera.

    Esta tarde a policía científica investigaba os camións para certificar se o incendio se debeu a un problema eléctrico.

    Redacción Salnés