Feijóo vence en tódolos concellos do Salnés a excepción do Grove

    SALNÉS > Os compromisarios do PP elixidos no Salnés apoiarán, na súa maioría, a Alberto Núñez Feijoo no Congreso Rexional de xaneiro. As eleccións celebradas nas sedes locais da Illa, Ribadumia, Vilagarcía e do Grove deron vencedor a Núñez Feijóo que se fixo con 109 dos 122 compromisarios posibles en Arousa. Os 13 que lle faltaron foron os do Grove onde os votos foron moi igualados e só por unha diferencia de dez gañou a lista que a priori apoia a Xosé Cuíña.

    A participación foi moi alta en tódalas sedes que tiveron que acudir ás urnas para elixir compromisarios. A máis importante rexistrouse en Ribadumia. Aquí houbo dúas mesas. Na xeral, para maiores de 28 anos, de 358 afiliados censados votaron 343. Con 55 votos de diferencia a maioría dos apoios foron para a lista dos 10 compromisarios encabezados por Salomé Peña, que aposta por Alberto Núñez Feijóo. 197 fronte a 142 dos afíns a Cuíña. Sen embargo na mesa de Novas Xeracións os dous compromisarios en disputa foron para o político de Lalín, con 25 votos fronte a 18. Aquí a participación tamén foi moi alta, de 53 votaron 46. A presidenta local do partido, Salomé Peña, cre que este proceso electoral se converteu novamente nun pulso entre o seu equipo e os militantes afíns ó anterior alcalde José Ramón Barral. Á vista dos resultados considera que se demostra a unidade da militancia en torno á actual executiva.

    O mesmo pasou na sede do PP da Illa. Votaron 122 dos 223 afiliados censados. Cen votos foron para a lista apoiada pola executiva local e 20 para os discrepantes. A xestora local cre que este resultado reafirma o apoio da militancia á actual dirección do partido.

    Tamén en Vilagarcía houbo pleno en torno a Núñez Feijoo. Na sede vilagarciá a participación foi do 30 por cento. De 1.220 afiliados acudiron a votar 385. Para o presidente da xestora local, Tomas Fole, isto dá imaxe de que Vilagarcía ten gañas de participar no proceso da sucesión de Fraga. Os vintedous compromisarios que recibiron máis apoios, a priori avalan a Núñez Feijoo. Escrutáronse 236 papeletas cos nomes destes 22 gañadores, fronte a 100 dos que apoiaban a Cuíña. O resto de papeletas contiñan nomes de ámbalas dúas listas. Esta diferencia amosa segundo Fole que hai unha tendencia clara a favor dun cambio de cara na dirección do partido.

    votacion300.jpgO caso contrario deuse no Grove. Os 13 compromisarios elixidos saen da lista defendida por Paula Janza, que apoia claramente a Xosé Cuíña. A diferencia foi mínima, só dez votos, con respecto á lista que avalaba a Núñez Feijoo e que defendía o alcalde Miguel Angel Pérez. Nesta sede houbo un corenta por cento de participación, de 650 afiliados censados pasaron polas urnas 260, un dato que segundo a presidenta do PP local, Paula Janza, demostra o interese da militancia polo proceso de sucesión. Sobre as diferencias entre as dúas principais figuras do partido, Janza sinalou que non se presentou unha candidatura en contra de ninguén, senón que este é un proceso aberto, e asegurou que seguirán traballando xuntos.

    Redacción Salnés