A Consellería de Pesca revisará o Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria

    RIBEIRA > O BNG de Ribeira vén de amosa-lo seu desacordo ante o Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria nas costas galegas. Este proxecto afectaría a preto de catrocentos mil metros cadrados do municipio coa ampliación dun parque e a creación dun complexo novo en zonas protexidas medioambientalmente. Polo momento, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos xa anunciou a revisión do plan aprobado polo anterior goberno da Xunta.

    Ante as numerosas alegacións presentadas, a Consellería de Pesca xa anunciou que procederá á revisión deste plan sectorial que contempla, entre as súas actuacións, a ampliación do parque situado en Couso e a construcción dun novo na zona de Punta Corvos, próxima ó Parque Natural de Corrubedo.

    Os nacionalistas consideran que este tipo de espazos, tan próximos a zonas protexidas medioambientalmente, non son os máis axeitados para a implantación de granxas de acuicultura que terán unha serie de efectos negativos aumentando enormemente o impacto medioambiental deste tipo de factorías.

    Neste sentido, a ampliación da planta de Couso choca coas intencións de Medio Ambiente de levar a cabo a rexeneración das praias da Pinisqueira, A Covasa e Celeiráns mentres que a implantación dunha factoría en Punta Corvos tería consecuencias prexudiciais sobre o Parque Natural de Corrubedo e o sector turístico da zona.

    Así mesmo, O BNG considera que estes proxectos só suporan danos e non conlevarán ningún beneficio para o concello de Ribeira, xa que non supoñen a creación dun número importante de postos de traballo nin un considerable desenvolvemento da economía local.

    A deputada autonómica, Ana Pontón, xa ten presentado unha iniciativa no Parlamento para solicitar que se avalíen as graves consecuencias que terían estes proxectos, no caso de levarse a cabo. Por iso, solicita á Xunta que reubique os parques, alonxándoos de espazos pertencentes á Rede Natura ou protexidos medioambientalmente.

    Segundo os nacionalistas existen grandes intereses detrás deste proxecto, de ahí a présa do anterior goberno da Xunta de aprobalo a última hora, antes de deixa-la administración autonómica. De feito, o plan está a levantar moita conflictividade en diversas zonas de Galicia, como no caso da factoría de Rinlo que actualmente se atopa paralizada por orde xudicial, posto que se ubica dentro dun espazo pertencente á Rede Natura.

    Redacción Barbanza