VILAGARCÍA > Coa chegada do Nadal, son moitas as iniciativas solidarias que se organizan para axudar ós máis desfavorecidos. Cáritas Interparroquial de Arousa segue a desempeñar a súa función solidaria e este ano adicou ós sin teito as súas actividades. A Praza da Peixería de Vilagarcía acolleu esta fin de semana o primeiro Rastriño benéfico. Tamén se clausurou ‘Caritarte’.
O domingo día 4 clausurábase Caritarte, a Primeira Exposición Solidaria organizada por este colectivo vilagarcián e que reunía entorno ó Liceo Casino a 57 artistas. Músicos, pintores, fotógrafos, escultores e ilustradores aportaron o seu grao de area a esta iniciativa solidaria.
A solidariedade de 57 artistas foi o motor da mostra, que se abriu ó publico o 26 de novembro e remataba a primeira fin de semana de Decembro cun éxito en canto a ventas. A pesar de sela primeira edición de Caritarte, o colectivo Interparroquial de Arousa está moi satisfeito coa resposta. O prezo das obras, que marcaba cada autor, oscilaba entre os 50 e os 800 euros, anque a media rondaba en 200 euros. Os visitantes puideron así atopar obras moi interesantes de artistas coñecidos a un bo prezo e contribuiron a unha iniciativa solidaria a prol dos máis desfavorecidos da comarca.
En canto ó rastriño, podían atoparse dende libros a vellos vinilos ou mobles, pasando por xoguetes e incluso ordenadores persoais. Os comerciantes de Zona Aberta doaron para a ocasión 354 artigos para unha tómbola que se celebrou tamén con fins benéficos. Cáritas Interparroquial de Arousa desenvolveu ó longo do mes de Novembro diferentes iniciativas co fin de recadar fondo para axudar ás persoas que non teñen fogar. O primeiro rastriño benéfico resultou ser todo un éxito, a pesar de que segundo os organizadores o mal tempo impediu a moitos veciños das 26 parroquias que cubre a entidade achegarse ata o recinto. A organización prevé organizar un novo rastriño de cara ó verán, debido ó incremento da poboación na comarca, o que podería favorecer o incremento nas ventas.
O vindeiro 11 de Decembro terá lugar unha nova actividade solidaria, esta vez en Cambados, as 6 e media da tarde. Será o festival de corais. O 18 Vilagarcía acollerá o festival de panxoliñas en Vilagarcía. Baixo o lema Mírame, os fondos recadados de tódalas actividades irán a parar ós sen teito, porque segundo o colectivo, son invisibles, están aí pero ninguén os ve.
Redacción Salnés