CCOO leva aos tribunais e á rúa a privatización do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo

SANXENXO> Comisións Obreiras anuncia protestas, unha recollida de sinaturas e medidas de carácter legal contra a privatización do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo. O sindicato considera esta medida un “despropósito”. Cren que a medida vai supoñer maior gasto e que realmente trátase dun castigo de Telmo Martín ás traballadoras que non aceptaron as concidicións que o alcalde lles quería impoñer.

Comisións Obreiras vai levar a privatización do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo ós tribunais. Ademais, o sindicato vai emprender unha serie de accións para protestar por esta decisión do executivo local. Anuncian unha recollida de sinaturas pola vila e unha protesta no pleno ordinario do mes de marzo. Tachan a medida de despropósito.

Dende Comisións entenden que o servizo non tiña problemas de calidade ou prestacións, sen queixas por parte dos usuarios. Cren que si agocha un fallo de xestión por parte do Concello.

O sindicato ve a novo proposta como un “sen sentido”. Advirten que a privatización vai ter un custo superior ó que se está a pagar agora polo mesmo servizo. Sospeitan que detrás de todo isto hai algo máis.

Logo de enterarse pola prensa da privatización do servizo, Comisións Obreiras anuncia que racha toda posibilidade de negociación co Concello de Sanxenxo. Din que non se poden fíar do seu goberno local.