A autovía do Barbanza non estará adxudicada ata o mes de xaneiro

    BARBANZA > A adxudicación das obras da autovía do Barbanza realizarase durante o mes de xaneiro, o que constitúe unha demora con respecto á data fixada inicialmente para o trinta de novembro. O motivo do retraso é a solicitude dun novo informe técnico que servirá como elemento de contraste para que a Administración tome a decisión máis axeitada. Así mesmo, a Xunta está a negociar a creación de infraestruturas para a implantación das canalizacións de gas natural e fibra óptica no Barbanza.

    A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte vén de anunciar que a adxudicación das obras da Autovía do Barbanza, de Santiago a Ribeira, levarase a cabo antes da fin de xaneiro. Esta decisión vén retrasa-los trámites na contratación posto que supón unha demora con respecto á data do 30 de novembro, establecida inicialmente.

    Os motivos son a realización dun novo informe técnico posto que a intención da Consellería é extremar ó máximo a análise das especificacións e calidades técnicas dos proxectos presentados, a fin de seleccionar a proposta que mellor garanta a seguridade viaria nesta estrada. De feito, ata agora o índice de mortandade desta vía é moi elevado con máis de cincuenta e tres vítimas mortais dende a súa posta en marcha no ano 94.

    Así mesmo, o proxecto presenta unha gran complexidade posto que as obras de desdobramento terán qe compatibilizarse co tráfico diario na Vía Rápida do Barbanza.

    Por outra banda, a Consellería está a negociar a posibilidade de desenvolver infraestruturas enerxéticas e de telecomunicacións, que satisfagan as crecentes demandas da comarca. A este respecto, están previstas reunións coa empresa Gas Galicia para trata-las canalizacións de gas natural e coa empresa de telecomunicacións “R” para a implantación de fibra óptica.

     

     

    Os representantes nacionalistas e populares da comarca amosaron o seu malestar ante esta demora xa que consideran que a pospoñe-los prazos non é a medida máis axeitada para garanti-la seguridade. Neste sentido, consideran que os principais afectados por esta decisión son os propios veciños.

    Redacción Barbanza