Portas felicitará o Nadal cunha postal deseñada por un neno

    PORTAS > Uns sesenta e cinco nenos participaron onte en Portas no Primeiro Taller de Pintura para elaborar postais de Nadal. O traballo gañador será utilizado polo Concello como felicitación institucional para enviar ós veciños, residentes en Portas e emigrados. Os autores das tres mellores postais coñeceranse o venres pola tarde. 

    O concello de Portas felicitará este Nadal ós seus veciños cunha postal deseñada por un neno. O nome do autor non se coñecerá ata o vindeiro venres pola tarde que é cando se reunirán os membros do xurado. Deberán elixir as tres mellores postais elaboradas no taller de pintura para nenos celebrado onte na Azucreira de Portas dentro do programa de actividades da Hiperfeira, que coincide tódolos anos co Día da Constitución.

    Neste taller participaron uns sesenta e cinco nenos de tódalas idades que demostraron as súas dotes artísticas. Para felicitar este Nadal non esqueceron motivos típicos destas datas como a árbore con adornos, caixas de regalos, velas con follas de acibo, un boneco de neve, os Reis Magos, ou Papá Noel. Esta é a primeira vez que o concello convoca este concurso para elixir a felicitación de Nadal, xa que ata o de agora enviaba ós veciños tanto residentes en Portas como no estranxeiro, tarxetas deseñadas con algún edificio emblemático do municipio.

    Entre o xurado está a artista caldense María José Cimadevila, que onte tamén presentou na Azucreira unha selección de obras que leva realizado desde hai 5 anos. A mostra tivo moi boa acollida e a xove pintora logrou vender algúns cadros e recibiu encargos para elaborar retratos. Nesta exposición, María José Canda presentou óleos e pasteis, con escenas típicas da vida labrega, retratos e bodegóns.

    Redacción Salnés