MEAÑO > O Concello de Meaño amosa este mes a renovada Casa de Cultura de Dena e aproveita para presentar ós veciños a nova política social deseñada polo goberno local. O vindeiro ano, o equipo de Jorge Domínguez pretende investir 150 mil euros en dotar de contido a rede de infraestructura socio cultural e deportiva.
O grupo de goberno de Meaño pretende aprobar no pleno deste mes o presuposto de 2006. Unha das principais novidades será o aumento da partida destinada a actividade social, que ascendería a 150 mil euros. O concello dispón xa dunha infraestructura básica para atención socio cultural e deportiva, con sete casas de cultura, catro pistas polideportivas, tres pavillóns e un centro de atención á terceira idade. Agora trátase de darlles contido, con actividades dirixidas a tódalas idades.
Un dos colectivos máis beneficiados nesta aposta pola vida social será o da terceira idade. Os maiores de Meaño terán un Centro de Atención pero tamén un Centro Recreativo. Este último ubicado no primeiro andar da Casa de Cultura de Dena, totalmente renovada. Ademais do salón de actos, e da primeira planta, os maiores tamén dispoñen dunha cafetería. Neste edificio tamén terán cabida as actividades organizadas polos clubs e asociacións da localidade de Dena.
Ata principios do vindeiro ano non entrará en funcionamento o Centro Recreativo da Terceira Idade, pero o concello amosa estes días as instalacións ós diferentes colectivos, ademais de darlles a coñecer a nova política social municipal. O mércores pola noite desfrutaron da actuación do cuarteto de cámara Arcos. O vindeiro domingo farase a presentación ó público en xeral. Ás seis da tarde o acto iniciarase cun concerto da orquestra de pulso e púa Arosa.
Redacción Salnés