
VILANOVA>
O departamento de asesoramento a empresas que o concello de Vilanova instalou no Pazo de Vista Real está a rexistrar un número de consultas cada vez máis elevado. Parece que o interese das empresas por instalarse nos polígonos do municipio vai en aumento. Para incentivar que non só pregunten, senón que tamén se queden nos seus parques empresarias, o concello vén de asinar un convenio con Abanca polo que a entidade financeira pon a disposición dos empresarios dous produtos con condicións económicas vantaxosas.
Malia que os datos do paro que coñecemos esta semana sinalan que en Vilanova sete persoas foron ó paro en novembro, no concello aseguran que a reactivación económica se está a notar. E un punto de referencia é o aumento de empresas que se están a interesar por instalarse nos polígonos industriais de Baión e Tremoedo.
Tralo acondicionamento das instalacións do Pazo de Vista Real, o concello situou aquí o punto de información. Este foi un dos pasos para tratar de reactivar a instalación de empresas nos seus polígonos. Outro deuse no pleno deste luns coa aprobación da exención das taxas municipais ás firmas que decidan montar as súas naves neles.
E a última das medidas consiste na firma dun convenio con Abanca, polo que a entidade financeira se compromete a ofrecer dos produtos deseñados á medida das empresas que se afinquen nos polígonos vilanoveses: unha hipoteca e un préstamo persoal.
Desde hoxe estes produtos xa están a disposición dos interesados. A súa contratación deberá realizarse nas oficinas da entidade bancaria.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/04/VISTAREALABANCA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/04/VISTA_REAL_ABANCA.mp4{/flowplayer}








