Non ós parques acuícolas

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de interpoñer un contencioso-administrativo contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de construcción de dous parques de tecnoloxía alimentaria nas zonas de Corrubedo e Aguiño. Dende o inicio deste proceso, o goberno municipal que preside Xosé Luís Torres Colomer, apostou por unha postura de consenso coas outras forzas políticas da localidade xa que considera que se trata de facer fronte común polos intereses de Ribeira.

    O executivo ribeirés considera que a ubicación dos parques tecnolóxicos de Couso en Aguiño e Punta dos Corvos en Corrubedo non é a máis idónea, pois esta zona está incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal como chan rústico de protección de espazos naturais e de protección de costas polo que xa interpuxeron un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente este proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. O Tenente de Alcalde ribeirés tamén considera que este parque tecnolóxico sería contrario ó desenvolvemento turístico sostible previsto polo actual executivo e sinalou que a aprobación deste plan sectorial non tivo en conta as consideracións medioambientais nin tampouco se realizou un estudo axeitado dos impactos medioambientais, turísticos, socioeconómicos e marisqueiros. Por estas razóns o executivo ribeirés vai continuar como ata o de agora defendendo a consideración desta zona como solo rústico de protección de espazos naturais e de protección de costas e espera seguir contando co respaldo dos restantes grupos municipais.

    Redacción Barbanza