Pontecesures pide que non se discrimine fronte a Valga en materia de saúde

    PONTECESURES > O concello de Pontecesures demanda que se eliminen as deficiencias e carencias en materia sanitaria que presenta o centro de Saúde do municipio. Tras manter reunións co Director Xeral da División de Asistencia Sanitaria e mailo Xerente de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo, o concelleiro de relacións institucionais, Luís Ángel Sabariz, constata que a problemática non foi de todo resolta.

    O concello de Pontecesures reclama que se adopten medidas contra as carencias que presenta o centro de saúde do municipio. Dende a concellería de Relacións Institucionais solicítase un servizo de pediatría e a presenza dun segundo facultativo no centro para que os cesureños non se teñan que desprazar, como fan habitualmente, ó concello de Valga na procura de certas servizos de asistencia primaria.

    Tralas reunións mantidas co Director Xeral da División de Asistencia Sanitaria e co Xerente de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo acordouse dotar ó centro de certo material médico que se precisaba pero non se concretou se haberá un novo pediatra e un segundo facultativo tal e como se pedía. Un dos motivos parece ser que é a negativa dos médicos de Valga a desprazárense ata Pontecesures para prestar consulta por consideralo innecesario. Así, dende o Concello solicitan que se tomen medidas de urxencia para paliar estas carencias que consideran discriminatorias en favor do Concello de Valga.

    Redacción Salnés