Servizos Sociais da Pobra pon en marcha a campaña “Un xoguete, un mundo”

    POBRA > O departamento de Servizos Sociais do concello da Pobra do Caramiñal vén de poñer en marcha a campaña informativa de Nadal "Un xoguete, un mundo”. O obxectivo é ofrecer información detallada sobre os xogos de calidade que resulten máis axeitados ás necesidades lúdicas e pedagóxicas dos nenos.

    “Un xoguete, un mundo” trata de informar á cidadanía da importancia que ten o xogo para os nenos, fomentando o uso de xoguetes que non transmitan valores sexistas ou violentos. Con este obxectivo, a concellería de Servizos Sociais da Pobra puxo en marcha esta campaña informativa que se desenvolverá na localidade durante o Nadal.  Os trípticos, que recollen unha serie de prácticos consellos á hora de mercar un xoguete, serán distribuídos polas distintas dependencias oficiais e establecementos comerciais do municipio. Ademais dunha completa clasificación dos xoguetes por idades dende os cero ós doce anos, ofrécese información de utilidade sobre o papel do xogo na vida do neno. Este consiste na principal actividade dos cativos, á que lle adican máis tempo e ganas.
    Deste xeito é preciso elixir o xoguete máis axeitado tendo en conta aspectos como os seus gustos e preferencias, as características do seu entorno, as potencialidades da personalidade do neno e mesmo a seguridade do propio xoguete que ten que reunir unhas características básicas. 

    Redacción Barbanza