A área de Urxencias do Hospital da Barbanza será ampliada próximamente

    RIBEIRA> A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, asinaron o convenio de colaboración para a cesión dos terreos de titularidade municipal para poder acometer esta actuación cuxo orzamento estimado superaría o millón de euros. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou esta mañá o Hospital da Barbanza despois de asinar xunto co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, un protocolo de colaboración no que se establecen as bases para a cesión de espazos de titularidade municipal para poder acometer a ampliación da área de Urxencias do centro hospitalario, unha vella demanda dos veciños desta comarca. A conselleira de Sanidade aproveitou a súa visita ao hospital da Barbanza para coñecer tamén as obras de remodelación que tiveron lugar na área administrativa e de Xestión do centro e visitou tamén o Punto de Atención ó Traballador instalado no centro, que desde a súa posta en servizo, leva a cabo un importante labor de apoio ós traballadores da xerencia integrada na área da Barbanza cunha media de 100 atencións diarias.